A fichaxe estrela do equipo redondelán, Pablo Couñago, anotou dous goles en dez minutos para encamiñar a vitoria local. Outros dous tantos de Yerai serviron para sentenciar o partido, que supón a consolidación do Choco como un dos máis grandes equipos de Terceira. No resto de categorías do fútbol comarcal primaron os empates.
Terceira División
Choco 4-1 Deportivo B
No primeiro cuarto de hora, tanto coruñeses como redondeláns dispuxeron de dúas ocasións claras. O equipo visitante enviou un balón ó longueiro na primeira e Cortegoso sacou a segunda mentres que Pablo Couñago acertou as dianas nas dúas opcións do Choco. Os primeiros minutos foron cruciais neste encontro, do que gozaron os afeccionados do conxunto redondelán. Couñago anotou o primeiro gol tras gañar as costas da defensa nun pase de Caloi e o segundo chegou tras unha boa internada por banda de Yerai con pase atrás. Dous tantos en once minutos e dominio da posesión do filial deportivista ó longo do resto do partido. Tocou moito o Deportivo, pero tras errar as ocasións do inicio do encontro, despois non atopou o xeito de superar a un Choco que soubo defenderse. Deste xeito, chegouse o cuarto de hora final con vantaxe de dous tantos para os locais e, debido ao desgaste, unha boa internada de Curri finalizou co terceiro tanto local por medio de Yerai. O filial deportivista tivo o seu único gol a falta de catro minutos para o final co gol de Beceiro e, no desconto, Yerai apareceu de novo para anotar o seu segundo tanto da tarde e pechar a goleada dos de Jacobo Montes. Con esta vitoria, o Choco consolídase na cuarta praza. Agora ten catro puntos de renta sobre o quinto, o Somozas, e está a só tres do líder, o Cerceda. Cifras de promoción de ascenso que superan todas as expectativas do equipo recentemente ascendido.
Segunda Autonómica
Choco B 4-4 Vilariño
Reparto de puntos con moitos goles entre o filial do Choco e o Vilariño, un dos equipos fortes do grupo. O resultado deixa ao Choco B na 9ª praza do grupo, e na próxima xornada xoga no campo do pechacancelas, o C.Victoria.
Mosteiro 1-1 Soutomaior
Os de Soutomaior conseguiron un importante empate no campo do Mosteiro, e son 13º. Na próxima xornada reciben ao Pontecaldelas, da parte baixa da táboa.
Arcade 2-2 Vilagarcía
Partido moi igualado entre o Arcade e o Vilagarcía, que rematou con reparto de puntos. O Arcade queda no mesmo posto, 12º. A próxima xornada xogan no campo do Chispa, equipo afundido no pozo da clasificación.
Terceira Autonómica
Cesantes 2-0 Salcedo
O Cesantes escala á 13ª praza, logo de gañar ao pechacancelas do grupo, o Salcedo. Na próxima xornada xogan no campo do Marcón B, un posto por riba dos redondeláns.
Miño 1-1 Chapela
O Chapela está a consolidarse como un dos equipos máis fortes do grupo, mantén a 2º praza na táboa logo de empatar no campo do Miño, 3º do grupo. Reparto de puntos entre dous dos equipos que aspiran ao ascenso directo. O Chapela adiantouse e dominou o partido, pero o Miño conseguiu o empate, co que segue invicto.
At.Vilar 2-2 Montecastelo
O Vilar non conseguiu pasar do empate co Montecastelo, o que deixa aos redondeláns na 10ª praza do grupo. A próxima xornada xogan no campo do Casablanca, un dos pechacancelas do grupo.
Juvenil 1-2 Nespereira
Os de Pazos soben á 3ª praza do grupo logo de gañar no campo do Juvenil. Na próxima xornada reciben ao Castelo, que é 6º.