O presidente da Asociación de Empresarios presentou a súa dimisión na xornada de onte aínda que a súa renuncia non será efectiva ata o 15 de xaneiro, data na que se abrirá o proceso electoral para elixir unha nova directiva. Entende que o proxecto de urbanización de Canabal non foi ben entendido por todos os asociados pero que non é o momento de buscar culpables. Insiste en que ao ao fronte da Asociación sempre defendeu os intereses xerais dos asociados pero que “ante a mínima dúbida de que detrás da miña postura houbese intereses particulares prefiro abandonar”.
Foron moitos os comerciantes que nas últimas semanas pedían a dimisión de José Antonio Gómez por entender que a súa posición como integrante da empresa Unión Comercial de Redondela, promotora do proxecto de urbanización da parcela de 36.320 metros cadrados na que se inclúe a construcción dun centro comercial, 17 vivendas unifamiliares, unha estación de autobuses, un hotel e zonas verdes, era incompatible co seu cargo de presidente da Asociación de empresarios “por existir un claro conflito de intereses”. Malia que nun primeiro momento Gómez decidía seguir no cargo e defender o proxecto de Urbanización “por tratarse dunha iniciativa creada no 2001 na propia Asociación de empresarios” finalmente e ante o posicionamento maioritario do comercio local en contra do proxecto decidía facer efectiva a súa dimisión nunha reunión da Xunta Directiva celebrada onte. Lamenta ter que deixar a presidencia deste xeito pero asegura non sentirse “mal tratado” por parte dos asociados que entende “si valoran o traballo realizado por todo o equipo que me acompañou durante estes anos”. Un traballo que se traduce en que se pasara dos 80 asociados a súa chegada ata case 450 actualmente. A partir do 15 de Xaneiro, data na que será efectiva a súa dimisión, centrarase xa nos seus proxectos persoais e empresariais que pasan “por sacar adiante o proxecto de urbanización de Canabal” aínda que sexa buscando un “novo formato”.