Os de Julio Mougán deixaron escapar un partido que no minuto 28 parecía sentenciado, cun 3-0 no marcador. Sen embargo, os xogadores do Pandiña reaccionaron e foron quen de empatar o encontro que rematou cun 3-3 no marcador. Un empate que sabe a pouco para o Redondela Futbol Sala que malia todo despiden o ano no segundo posto da clasificación a tan só dous puntos do líder. O primeiro partido do 2014 vainos levar ao campo do Luar, sextos na táboa.
O partido no Pavillón Municipal non podía comezar mellor para os redondeláns que se adiantaban aos 25 segundos por medio de Dani. No minuto 16 Manoliño poñia o 2-0 e xa na segunda parte, no minuto 28, chegaba o 3-0. Outra vez Dani conseguía perforar a meta visitante e parecía que o partido xa estaba visto para sentencia. Reaccionaban os de Moaña qeu lograban facer dous goles en tan só un minuto e no 39 aproveitaban un balón solto na área para igualar o encontro que remataría ocn empate a tres tanto. Decepción nos rostros locais sobre todo porque o encontro púxose moi de cara. Malia todo, dende a directiva salientan a gran tempada do Fútbol Sala Redondela ata o momento, con só un partido perdido e doce xornadas consecutivas sen perder. Unha primeira parte da tempada que deixa tamén aos de Redondela como segundo equipo máis goleador e segundo menos goleado, números que avalan a gran traxectoria dun equipo, que na tempada pasada nas mesmas datas, era penúltimo.