Solicitan ao goberno local que adopte unha serie de medidas encamiñadas a que as contratacións que se realizan de xeito directo e sen publicidade sexan o máis transparentes posible “para evitar que se especule con posibles favoritismos”. Piden que nas concesións se valore a responsabilidade social da empresa ou a súa implicación co ben común.
Lembran que este tipo de contratacións execútanse segundo un procedemento de invitación do que non se coñece máis que os nomes das empresas invitadas. Co obxectivo de favorecer que poidan optar a estas ofertas un maior número de empresas en igualdade de oportunidades, propoñen que se cree unha lista pública de empresas que queira traballar para o concello no que conste a actividade a que se dedica e que se estableza un mecanismo consistente en invitar ás 5 primeiras de cada sector de tal xeito que noutra convocatoria se volva invitar as dúas mellores cualificadas e que as outras pasen ao final da lista. Tamén reclaman que en cada convocatoria se teña en conta á hora de outorgar o contrato a responsabilidade social da empresa ou a súa implicación co ben común.
Finalmente solicitan que se publique na páxina web do concello todas e cada unha das contratación realizadas explicando os criterios de adxudicación e as propostas presentadas.