Así o constata un informe da empresa Iprenor encargado polo Ministerio de Fomento que realizou medicións en horario nocturno en diferentes xornadas do mes de novembro e decembro. O concelleiro de Medio Ambiente, que deu a coñecer este informe no pleno de onte, asegura que a empresa que traballa actualmente no Val do Maceiras ten permiso para traballar en horario nocturno sempre e cando respecten os niveis de ruído permitidos.
A natureza dos traballos que se están a realizar no Val do Maceiras na actualidade permite que as empresas que traballan nesas obras do AVE desenvolvan a súa actividade tamén en horario nocturno. Así o explicou o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez Ballesteros no último pleno municipal do ano celebrado onte. Así as cousas o edil engadía que dende o Concello non se podería prohibir a ditas empresas traballar en horario nocturno tal e como solicitaban nunha moción a Agrupación de Electores. Engadía o edil popular que os informes realizados pola empresa Iprenor nos meses de novembro e decembro constatan que ditos traballos non están a superar os niveis de ruído permitidos aínda que amosaba a súa disponibilidade a facer novas medicións “incluso nas vivendas dos veciños que así o soliciten” O edil de AER, Alfonso Blanco Pochi aseguraba que moito veciño continúan sufrindo o ruído ata altas horas da madrugada polo que insistía na necesidade de incrementar o control no lugar. Finalmente aprobouse realizar novas medicións e que, no caso de que se constate dende o concello que se superan os niveis de ruído permitidos, se proceda a sancionar ou prohibir que se continúe coa actividade. Unha emenda presentada polo BNG que saída aprobada por maioría.