Será no Campo de Fútbol de Santa Mariña, este domingo día 29 de decembro. A xornada solidaria contará cun Torneo Alevín, fútbol feminino, un encontro de ex xogadores do Casa Paco contra “famosos” como Óscar Pereiro, Davil Cal, Marcos Serrano ou David Amor, e un partido do Coruxo, de Segunda División B. As actividades completaranse co sorteo de agasallos entre o público.
O obxectivo deste evento é recadar fondos para Yessica, a moza redondelá de 17 que padece unha Enfermidade Rara que agora lle impide camiñar. Para Manuel Conde, do Grupo Casa Paco, é case “unha obriga moral” colaborar con estas causas, dentro da propia filosofía da entidade, cuxo lema é “Deporte, convivencia e amizade”. As actividades comezarán ás 9.30 horas cos partidos de Fútbol 8 Alevín, no que participan máis de 100 rapaces de clubs de Redondela, Vigo, Val Miñor e outros puntos da bisbarra. Ás 12.00 será a quenda do fútbol feminino co partido Olivo-C.D.Choco. Pola tarde continuarán as actividades ás 16.00 horas co partido “Ex xogadores do Casa Paco-Famosos”, un grupo formado por deportistas e ex deportistas de elite, ao que se suman outras caras populares. Estarán, entre outros, Óscar Pereiro, Marcos Serrano, David Cal, Javi Díaz, Pola, Pauleta, David Amor, Rafa Sáez e xogadores do Celta en activo. Ás 17.00 horas saltará ao terreo de xogo todo un Segunda B, o Coruxo. O partido estaba organizado para que os vigueses xogaran contra o C.D.Choco, pero finalmente mediranse a unha selección de xogadores de equipos da bisbarra, moitos deles formados no Grupo Casa Paco. A entrada é libre e de balde, e os asistentes poderán colaborar con esta causa solidaria mercando rifas que, a un prezo de 2 euros, estarán vendendo membros da organizacións. Os boletos participarán nunha tómbola con agasallos chegados desde todos os puntos de España, que se sortearán entre os asistentes.