Os veciños de Vilar de Infesta están de parabéns, porque a chegada do novo ano 2014 trae consigo un acordo entre o Concello de Redondela e a Deputación de Pontevedra para anchear e mellorar a E.P.2906. Unha reivindicación histórica desta parroquia, xa que se trata dunha estrada perigosa, estreita e sen beirarrúas, cunha elevada densidade de tráfico pesado.
O presidente do ente provincial, Rafael Louzán, visitou Redondela para asinar o acordo co alcalde, Javier Bas. As obras contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que o Concello achega 200.000. O presidente da Deputación salientou tamén a colaboración dos veciños, que xa se amosaron dispostos a ceder os terreos necesarios para a ampliación. Louzán explicou que, se hai colaboración por parte dos propietarios afectados, as obras poderían licitarse no mes de febreiro, e estar rematadas no prazo de oito meses. O alcalde quixo agradecer a colaboración da Deputación para facer posible estes traballos longamente demandados, especialmente no actual contexto de recortes orzamentarios. Tamén manifestou a súa satisfacción con este acordo o presidente da Asociación de Veciños de Vilar, Eduardo Rodríguez, que agradece a colaboración das dúas administración e dos propietarios. Rodríguez Loureiro sinala que coa ampliación mellorará a calidade de vida dos veciños, xa que se trata dun vial “con moitas carencias.” Campo de fútbol de Santa Mariña O presidente da Deputación aproveitou a súa viaxe a Redondela para visitar tamén as obras do campo de fútbol de Santa Mariña, que nesta última fase están financiadas con 600.000 euros do ente provincial. Louzán achegouse tamén á Escola de Música de Chapela, situada nos baixos do pavillón da parroquia, unhas obras financiadas tamén pola Deputación, que vén de dotar de novo mobiliario as instalacións.