O grupo municipal do BNG entende que a posta en marcha dos novos Consellos Parroquiais “non ten nada que ver co aprobado inicialmente”. O Bloque denuncia que o goberno local non fixo un traballo previo coas asociacións e colectivos de cada parroquia, e denuncia que a constitución destes organismos foi “irregular”.
A organización nacionalista propón reconducir a situación, volvendo a debatela en pleno, para que estes organismos queden “formalmente constituídos”. A situación remóntase a outubro de 2011, cando o goberno local propuxo no pleno do Concello crear nove Consellos Parroquiais: Cabeiro, Cesantes, Cedeira, Negros, Quintela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela e Vilar, amparándose no Regulamento dos Consellos Parroquiais. O BNG denuncia que o acordo aprobado polo goberno local, e apoiado polo PSdG e AER, “nada teñen que ver cos Consellos actualmente vixentes”. Poñen como exemplo o Consello Parroquial de Vilar onde tanto as Asociacións deportivas como culturais pasaron de 1 a 2 membros cada unha; creouse unha nova representatividade de Festas e de Cemiterio con 1 cada un; ademais dos representantes dos grupos políticos. Denuncian tamén o caso de Trasmañó, onde de 2 representantes de Asociacións Culturais pasouse a 3 ao igual que a representatividade da Comunidade de Montes; eliminouse a representante de ANPAs, dotándose cun membro o colectivo que traballa a prol da Muller. Desde o BNG critican que todas estas modificacións e axustes foron tomadas “de xeito unilateral polo goberno municipal”, sen contar cos grupos da oposición. A situación obrigou tamén a levar ao pleno do Concello a modificación dos Consellos Parroquiais de Cedeira e Cesantes. No primeiro caso houbo que aumentar a representatividade da AA.VV e do Centro Cultural a 3; e de Augas a 2. En total 17 persoas conforman este Consello Parroquial. No caso do Consello Parroquial de Cesantes a AA.VV. e Asociacións deportivas quédanse con 2 representantes; as Asociacións Culturais chegan a 4; créase a representatividade de colectivos vinculados co mar con 2, e Comunidade de Montes e ANPA mantéñense con 1. No caso do Consello Parroquial de Saxamonde, aínda non se puxo en marcha.