Logo de impoñerse ao Balonmán.com por 34-24 os de Fran Teixeira superaron a primeira eliminatoria, e agora agardan ao seu rival. E podería ser un interesante derbi, xa que sairá da eliminatoria que esta noite enfronta a SAR Plastic Omnium e Mecalia Novás. Ás 21.00 horas no pavillón municipal de Redondela.
A competición está a servir aos de Chapela pare recupera o ritmo logo do descanso de Nadal, e os resultados foron positivos na primeira eliminatoria. Os de Teixeira, malia comezar mal o partido, impuxéronse sen dificultades ao Balonmán.com en Pontevedra, cun marcador de 24-34. Vidal foi o protagonista do encontro, sumou 9 goles e conseguiu a remontada do equipo. Agora deben esperar ao partido que se disputará esta noite en Redondela ás 21:00 horas entre a SAR Plastic Omnium e o Mecalia Novás para coñecer ao seu próximo rival. Manuel González Soto confía en que o clasificado sexa o equipo redondelán “para poder ofrecer un derbi”aos afeccionados do municipio. A competición na División de Honra B retomarana o próximo 19 de xaneiro, en Vigo, diante do Academia Octavio. Con este encontro chegarán ao ecuador da competición, xa que será o último da primeira volta. Desta primeira metade da competición no club fan un balance moi positivo, Soto destaca que están “fóra dos postos de descenso” e que aínda que a categoría se está a facer “moi dura”, o club de Chapela está a competir “con dignidade”. Emotivo recordo a Gerardo Méndez O II Torneo de Nadal Memorial Gerardo Méndez foi unha festa do balonmán e unha homenaxe ao desaparecido adestrador e colaborador do club, e que foi ademais o promotor da primeira edición deste campionato. Méndez, que faleceu en xaneiro do pasado ano, fora ata entón o adestrador dos equipos femininos do Chapela, que sempre se destacou por “fomentar o deporte feminino”. Participaron máis de 270 nenos de Balonmán Moaña, Seis do Nadal, SAR e Balonmán Chapela. En benxamíns o campión do torneo decidiuse no último partido. Impúxose o Chapela, seguido de SAR, Seis do Nadal e Moaña. En alevíns mixto o campión do torneo foi o Chapela A, seguido do Seis do Nadal, Moaña, SAR, Chapela B e Chapela C. En infantil feminino a diferenza de goles favoreceu a Moaña, por diante de Chapela, SAR e Seis do Nadal. En infantil masculino o campión do torneo foi o Seis do Nadal, que gañou ao Moaña, seguido de Chapela, Moaña e SAR. Como colofón ao torneo disputouse un encontro entre xogadoras retiradas do Balonmán Chapela. Participaron representantes das diferentes xeracións que estiveron ás ordes de Gerardo Méndez durante s catorce anos nos que o técnico estivo á fronte do balonmán feminino no club de Chapela.