Andrés Iglesias rexeita rotundamente esa idea porque entende que “o Concello é a administración máis proxima aos cidadáns e que así debe seguir sendo”. Asegura ademais que Pazos de Borbén é un concello saneado, con gastos e ingresos equilibrados e que a vinculación económica e social con Mondaríz e Covelo é escasa malia a proximidade xeográfica.
“Sempre houbo elefantes e sempre houbo pulgas” con esa afirmación o rexedor de Pazos defende a existencia de concellos que como o de Pazos non superan os 5.000 habitantes. De feito segundo o último censo conta tan só con 3110 veciños, pero entende -contrariamente ao defendido pola Xunta – que esa non é xustificación para se fusionar con outros municipios. Neses sentido Iglesias declárase “defensor dos concellos” por ser a entidade máis próxima aos veciños. Apunta ademais que o concello que preside “está saneado, está facendo os deberes e está atendendo aos veciños” polo que non hai ningún argumento que puidese apuntar a unha eventual fusión. Finalmente reitera que non participou en reunión algunha para abordar este asunto e engade que “unha cuestión desta relevancia é algo que non deberían decidir os alcaldes senon os propios veciños”.