Arranca o ciclo de música popular que se vai desenvolver durante os vindeiros seis meses en Redondela coa actuación de Ugia Pedreira e Fred Martíns mañá sábado no Multiusos ás 21:00 horas. A proposta cultural da fin de semana complétase o domingo coa representación de Os tres porquiños a cargo da compañía Eduateatro Producións.
Logo da programación cultural do Nadal as actividades continúan en Redondela con dúas propostas esta fin de semana. A primeira é de carácter musical a cargo do dúo Acrobatas integrado pola galega Ugia Pedreira e o brasileiro Fred Martíns, encargados de inaugurar este sábado o ciclo Rede de Músicas Soltas que achegará ao noso concello as actuacións dos artistas Radio Cos, Caxade, Jazzología, Narf , kepa Junquera e Xavier Díaz. A actuación de mañá será ás 21:00 horas e o prezo da entrada, que se pode retirar dúas horas antes do concertos no Multiusos, é de 4 euros. A outra proposta da fin de semana está orientada ao público infantil e familiar. A compañía Eduateatro Producións presenta o domingo tamén no Multiusos ás 18:00 horas unha revisión da fábula Os tres porquiños, adaptándoa ao tempos que corren e enriquecéndoa cunha banda sonora orixinal composta pro cinco pezas musicais. As entradas en venda anticipada están esgotadas, aínda que unha porcentaxe venderase no propio Multiusos o domingo ás catro da tarde a un prezo de 3 euros.