Através Editora ven de presentar en Redondela o novo poemario de Thalámas Salamatu baixo o título de “Prédios”. Un conxunto de textos nos que o autor reflexiona sobre o cotián. No acto presentación, que tivo lugar na Casa da Torre, participou ademais do autor o profesor da Universidade da Coruña, Roberto Samartin e Xemma Tedín en representación da editorial.
Thalámas Salamatu explora en Prédios os espazos polos que descorre a vida cotiá de calquera persoa, as pequenas e grandes accións, lembranzas, sensacións, encontros, afectos, medos que forman as nosas xeografías particulares. Así o explicaba dende Através Editora Xemma Tedín quen engadía que poema a poema o autor percorre eses momentos que a diario vivimos case todos nós. O profesor Roberto Samartín salientaba no acto presentación o feito de que se trate tamén dun libro “onde hai moito de literatura mural” e no que imos atopar tamén moita memoria de Redondela. Non en van Salamatu é autor tamén de pintadas como a que durante anos se puido ler na rúa Meixón Frío e que dicía aquilo de “Quen nos roubou o outono dos montes galegos?” Thalamas Salamatu explicaba que este libro, escrito no 2010 malia que sexa agora cando sae á luz, pode ter tamén unha lectura vencellada aos tempos actuais nos que se constata “unha derrota das clases obreiras e da cultura do proletariado”.