A Rondalla recompila no seu primeiro disco un total de once cancións que entre os anos 1953 e 1954 cantaba a Agrupación Artística de Redondela. Cancións que naqueles anos se escoitaban en tabernas, comidas de festas, reunións familiares e de amigos e en toda aquela ocasión na que algo había que celebrar. O disco que leva por título “Cantares 1953-54” preséntase este venres día 17 ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.
En total son 39 os homes participantes nesta agrupación que naceu xa hai catro anos e que reúne nas súas filas xente do máis dispar, non só en idade senón tamén en coñecementos musicais, baixo a dirección de José Manuel Xesteira. Entre todos realizaron un arduo traballo que consistiu en reconstruír cancións, adaptalas a novas instrumentación e refacer aquelas pezas, cantadas por xente de agora, sen que perderan aquel vello xeito que perdura na memoria. Para facer ese traballo contaron tamén co apoio de Manuel Pazos e Pepe Ferreira, dous membros da Rondalla que 60 anos atrás formaron parte da Agrupación Artística de Redondela. O obxectivo deste disco é, segundo explican dende a Rondalla, “ser unha ponte entre aquela xente da década dos 50 e os nosos días, ao tempo que volver gozar do pracer de cantar en grupo”. Mi tierra de amor, Parisina, Españolita, Machicha dedicada a Galicia ou Veneciana son algúns dos temas musicais incluídos neste disco e dos que non existía arquivo sonoro algún. “Cantares 1953-54”, gravado integramente en Redondela e por xente de Redondela, preséntase este venres día 17 ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. A entrada para asistir a este concerto presentación é gratuíta e as invitacións poden retirarse no Café da Vila. O disco pódese adquirir ao módico prezo de 5 euros.