A Asociación de empresarios inicia hoxe día 15 de xaneiro o proceso para relevar do cargo ao que fora durante 12 anos presidente do colectivo José Antonio Gómez, logo de que presentase a súa renuncia ao cargo a raíz do polémico proxecto de urbanización de Canabal.
Malia que Gómez anunciara a súa decisión de dimitir do cargo a mediados do pasado mes de decembro, é agora cando esa renuncia se fai efectiva. A partir de hoxe queda aberto o proceso electoral coa apertura do prazo para a presentación de candidaturas ata o 31 de xaneiro. As eleccións para elixir ao novo responsable dos empresarios será o 6 de febreiro.
José Antonio Gómez deixaba o cargo tan só un mes despois de que fora reelixido como presidente da Asociación de empresarios a causa do polémico proxecto de urbanización da parcela de Canabal. Os asociados entendían que a súa posición como integrante da empresa Unión Comercial de Redondela, promotora do proxecto de urbanización da parcela de 36.320 metros cadrados na que se inclúe a construcción dun centro comercial, 17 vivendas unifamiliares, unha estación de autobuses, un hotel e zonas verdes, era incompatible co seu cargo de presidente da Asociación de empresario “por existir un claro conflito de intereses”.