Máis de quince anos pasaron desde o último derbi en competición oficial entre Academia Octavio e Chapela, que non se vían as caras desde a última xornada da tempada 1997-1998, cando ambos os equipos militaban na liga Asobal. A situación dos dous equipos é diferente, os vigueses na sexta praza pelexan por achegarse á cabeza da táboa, mentres os redondeláns, duodécimos, aspiran a manter a categoría sen apuros.
É o último encontro desta primeira volta na División de Honra Prata, e por primeira vez logo de case 16 anos os dous equipos volven a verse as caras. Aquel 7 de marzo de 1998 ambos os equipos afrontaban, curiosamente, tamén a última xornada e no banco do conxunto chapeleiro atopábase tamén Fran Teixeira, que tras pasar polo Octavio e adestrar varios anos en Portugal, regresou ao banco do Chapela en 2007. Daquela o Chapela tiña en xogo clasificarse por primeira vez para competición europea e os vigueses a permanencia. O Octavio levou a vitoria (28-20) e deixou aos redondeláns fóra de Europa. Agora a situación é diferente, o equipo de Quique Domínguez é o que vai por diante na clasificación, son sextos con 16 puntos, e teñen obxectivos máis altos, como o regreso a Asobal. Mentres que os de Teixeira, duodécimos con 11 puntos, só pensan en conseguir a permanencia canto antes. Pero nos derbis nunca hai un favorito. Para o presidente do Balonmán Chapela, Manuel González Soto, “non hai favoritos” neste derbi, e o resultado decidirase o sábado, a partires das 18.30 horas, no pabillón das Travesas. Advirte que, malia que os vigueses están por diante na clasificación, o Chapela fixo unha boa primeira volta, fóra dos postos de descenso, e cumprindo os seus obxectivos. O derbi servirá tamén para presenciar o reencontro de Fran Teixeira e Quique Domínguez. O actual técnico do Octavio foi discípulo de Teixeira durante once tempadas, oito no Teucro e tres no Octavio. Precisamente, na última campaña de Domínguez como xogador, a 2001-2002, produciuse a destitución de Teixeira no conxunto académico, collendo a substitución no banco o actual adestrador do cadro olívico.