Entenden que o goberno local actuou de “xeito improvisado e prepotente” ao organizar a festa de fin de ano no Campo da Feira. Critican que se invistiran máis de dez mil euros nunha actividade puntual “cuxa asistencia superou por moi pouco as 50 persoas” mentres se deixan de lado as verdadeiras prioridades dos cidadáns.
O pasado 31 de decembro o Concello de Redondela celebrou unha festa para despedir o ano que consistiu na actuación dunha orquestra debaixo dunha carpa instalada para tal fin no aparcamento do Campo da Feira.
O alugueiro e instalación da carpa tivo un custe económico de 4.779,50 euros e unha repercusión ao entender do PSOE “moi negativa entre os veciños e veciñas das parroquias pola ocupación que supuxo da explanada do aparcamento situado fronte ao mercado de abastos, agravando así o caos de tráfico e a escaseza de prazas de aparcamento que é propia desas datas”.
Por outra banda, a actuación da orquestra supuxo aos redondeláns 5.929 euros e a asistencia na noite de fin de ano superou por moi pouco as 50 persoas. Por todo isto os Socialistas denuncian o gasto realizado polo Alcalde no que cualifican “un alarde de prepotencia e improvisación” por non ter escoitado previamente as persoas do sector da hostalería de Redondela.
“O Partido Popular demostra unha vez máis que vive nunha realidade paralela, que non sabe (ou non quere saber) das verdadeiras prioridades dos veciños e veciñas de Redondela” afirma Eduardo Reguera.