O festival, que se vai desenvolver entre o 24 e o 27 de abril, celebra a súa décima edición con novidades como a convocatoria dun concurso de curtas gravadas con móbil ou tablet e a presentación dunha longametraxe dirixida por Fernando Carreira Cuchi en torno á vida do pintor e restaurador redondelán Angel Barros.
O festival Redondela en curto recupera este ano a subvención de 18.000 euros procedente do concello que en edicións anteriores fora reducíndose ata poñer en perigo a convocatoria. Logo do acordo acadado coa Concellería de Cultura, o director do festival, Fernando Carreira Cuchi confirma ademais que neste 2014 e co gallo da décima edición do festival hai diferentes novidades, algunha das cales iranse concretando consonte se acheguen as datas da cita cinematográfica. Entre as xa anunciadas atópase a presentación dunha longametraxe na que se fai un percorrido pola vida e obra do pintor e restaurador redondelán Angel Barros, un home que logo de emigrar na posguerra chega a traballar como restaurador no museo do Louvre. Non é esta a única novidade, xa que ademais da sección oficial a concurso, este ano ábrese tamén unha sección complementaria na que poderán participar todos os que envía os seus traballos gravados con móbil ou tablet. Unha curtas que non poderán superar os 2 minutos de duración. Pola súa banda, os que queiran participar na sección oficial dotada con premios de 500 e mil euros, terán que presentar curtametraxes que oscilen entre os 4 e os 30 minutos. O prazo de presentación de traballos remata o 20 de marzo e dende a organización prevén que nesta décimo edición se incremente notablemente o número de participantes, xa que recibiron en tan só uns días máis de 400 traballos.