Solicitan á corporación que rexeite o incremento das cotizacións mínimas aprobado polo goberno para as persoas autónomas que contan con 10 ou mais persoas empregadas no último ano. Ao entender do BNG esta medida, que supón un incremento dun 22% na cotizacións e de 60 euros ao mes, destruirá emprego ao forzar a que sociedades deste tipo contrate menos de 10 persoas.
Por este motivo, o BNG presentará unha moción no pleno do xoves na que procurará o apoio do resto dos grupos para demandar do goberno do estado un posicionamento contrario a calquera suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas. Solicitan tamén a aprobación de reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva que grave ás grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas. Instan tamén a pór en práctica políticas activas de emprego en Galicia como mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, segmentos máis vulnerables para a obtención de emprego.