A Concelleira Herminia Quelle explica que as pingueiras na praza débense a rotura dun caño do tellado e que o seu arranxo, que está xa contratado, non se puido facer ata o de agora polo mal tempo. Lémbralle ao PSOE, quen días atrás criticaba que se investiran 170.000 euros na praza de abastos e que non se arranxase esa deficiencia que “as pingueiras non se terían producido se o edificio tivera un axeitado mantemento en anos anteriores”.
A edil lembra que as actuacións realizadas no mercado incluíron tamén o cambio do chan “precisamente para evitar o risco de caídas dos comerciantes e usuarios, xa que era un problema detectado con anterioridade que se solucionou cun novo material que evita os esvaróns”.
En canto á cor elixida que os socialistas entenden errónea “por ser demasiado clara o que provoca que a media mañá adquira un aspecto de sucidade” Quelle explica que a tonalidade elixida “busca realzar a cor das verduras e dos produtos que alí de poñen á venda”.
Insiste a Concelleira en que dende a súa chegada a este departamento “acometéronse diversas actuacións de mellora nese edificio coa limpeza da pedra exterior ou a propia limpeza do tellado” que levaban anos sen realizarse. Engade que foi esa falta de obras de mantemento a que provocou a aparición das pingueiras na zona de venda do peixe.