A Consellería de Medio Rural e do Mar concedeu esta axuda ao pósito redondelán para mellorar a produtividade da zonas de marisqueo, con 59.000 euros para a rexeneración da praia da Barra e máis de 80.000 para a contratación de 4 vixiantes e un biólogo. As obras da nova lonxa, que comezaron hai tres meses, estarán rematadas en xuño. Agora queda pendente unha segunda fase, co acondicionamento do varadoiro e a pilotaxe do peirao.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta a confraría San Juan de Redondela para coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver. A delegada valorou positivamente as melloras feitas no litoral, que permiten contar con máis espazos para o marisqueo. Bravo Bosch visitou tamén as obras da lonxa de Cesantes, para comprobar o estado de execución dos traballos, que avanzan “a bo ritmo”, e que estarán rematadas no mes de xuño. A delegada estivo acompañada polo alcalde redondelán, Javier Bas, e o patrón maior, Clemente Bastos. Bastos salientou a importancia destas axudas, que fixeron posible recuperar a praia da Barra para o marisqueo, o que suporá unha nova fonte de ingresos para os mariscadores e mariscadoras. Agora o que precisa a confraría é nova maquinaria para o traballo de mantemento destas zonas produtivas, e evitar así que volvan a degradarse. O rexedor local agradeceu a colaboración da Xunta na posta en valor do sector pesqueiro e marisqueiro de Cesantes. Bas salientou que a nova lonxa, que disporá dunha zona habilitada para as visitas, pasará a formar parte dunha ruta guiada para os estudantes de Redondela, que incluirá tamén o museo Meirande e a Illa de San Simón. As obras da nova lonxa, cun investimento de 630.000 euros, mellorarán as condicións de traballo dos mariñeiros e mariscadores do municipio. Terá unha superficie de 680 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas. A planta baixa está destinada á actividade pesqueira e marisqueira (zona de poxa, oficina de ventas, almacéns, vestiarios, aseos, cámaras de xeo e frío, etc.), e a planta alta terá unha funcionalidade máis administrativa, con oficinas, laboratorio, sala de usos múltiples, sala de máquinas, aseos e terraza. Esta é a primeira fase dun proxecto máis ambicioso que inclúe a mellora de toda a zona portuaria de Cesantes. O alcalde explicou que queda pendente a mellora do varadoiro e a pilotaxe do peirao, para facilitar o fluxo das correntes marítimas e a rexeneración da praia.