Os populares apoiaron unha moción presentada polos socialistas de cara a que en vindeiros exercicios as axudas estean tramitadas no inicio do curso. Dende o PSOE presentaban esta petición alegando que debido a tardanza que estas axudas acumulan, moitas familias con carencias económicas non poden acceder a este servizo. Un atraso que segundo o PP responde aos trámites e aos tempos que é preciso seguir na concesión das axudas.
Explican dende o PSOE que no curso pasado o concello resolveu as solicitudes de acceso ao comedor escolar no terceiro trimestre do curso polo que só se executaron cinco mil dos 32.000 euros orzamentados, unha tardanza que se repetiu este ano debido a que segundo explican os socialistas “a convocatoria chega demasiado tarde cando o curso está xa comezado”. Por ese motivo reclaman que as bases estean xa publicadas en maio para que, segundo explicaba a socialista Digna Rivas “as familias podían dispoñer deste servizo tan necesario sobre todo na situación actual dende o inicio do curso”. Todos os grupos secundaron a moción por entender que é necesario resolver os expedientes con maior axilidade. Dende o BNG o nacionalista Xoán Carlos González criticaba o funcionamento actual dos servizos socais de Redondela. O grupo popular apoiaba a proposta votando a favor da mesma, malia que a responsable desta área, Teresa París explicaba que o atraso actual responde ao elevado número de solicitudes, un total de 57, a que os trámites teñen uns tempos que é difícil acurtar. Aproveitaba tamén a súa intervención para denunciar supostas irregularidades nas tramitacións realizadas polos goberno anteriores “cando as cousas se facían doutra maneira sen publicar as basees, sen publicidade, sen valoración e sen xustificación”. Unha críticas que non impediron que o PP se comprometese a axilizar as axudas de cara a vindeiros exercicios.