Partido con maiúsculas o vivido este sábado no Municipal de Redondela no que o equipo de fútbol sala local lograba unha importante vitoria por 3-2 ante o Verín Futsal. Os de Redondela mantéñense no terceiro posto da táboa e xogan na vindeira fin de semana no campo dun rival a priori máis feble, o CAFyD, situados no decimo primeiro posto da categoría.
O encontro ante o Verín Futsal foi un auténtico recital de fútbol sala, os redondeláns mandaron no xogo e non o fixeron no marcador debido aos erros de cara á portería contraria. De todos os xeitos, Verín nunca saiu do partido e incluso chegou a pórse pro diante cando a falta de minuto e medio, conseguía poñerse cun 1-2 no marcador o que parecía que daría cunha derrota na Bomboneira.
Nun final non apto para cardíacos, cando faltaban trinta e dous segundos, Manoliño coa estratexia de porteiro xogador poría o empate a dous, seguirían arriscando os redondeláns e con só 10″ por diante, novamente o capitán levaría o delirio ás bancadas dando os tres puntos ó seu equipo.
Unha vitoria especialmente relevante porque chega logo dunha pequena crise de resultados no Redondela F.S. que logo de realizar unha primeira volta extraordinaria daba a sensación de ter perdido a forza amosada nos primeiros partidos.