Os alumnos de primaria dos colexios redondeláns contan cunha nova ferramenta para moverse con seguridade pola rúa. Trátase dunha amena unidade didáctica sobre Educación Vial elaborada pola Concellería de Educación, a Policía Local e a Deputación. A guía, con fotografías e debuxos de Redondela, repasa os sinais de tráfico, as medidas de seguridade que deben tomar como peóns ou na bicicleta, pero tamén outras condutas cívicas en canto ós espazos públicos e o mobiliario urbano.
O alcalde, Javier Bas, confía en que esta campaña sexa “un éxito” entre os rapaces, e tamén os adultos, xa que ofrece información sobre o transporte, a seguridade e os espazos públicos, atendendo a múltiples aspectos da vida cotiá. Na presentación da guía participou tamén a deputada provincial Ana Isabel Vidal, quen salientou a necesidade de concienciar aos máis pequenos nesta materia, porque a seguridade vial é “cousa de todos”. O concelleiro de Interior e Urbanismo, Arturo González, salientou que se trata dunha guía “moi próxima aos rapaces” porque ofrece imaxes de rúas, prazas e parques de Redondela, o que contribuirá a que se sintan máis identificados. Na campaña que realizará nos colexios tamén participarán axentes da Policía Local e do Grumir, para ofrecer aos nenos información práctica. O xefe da Policía Local, Jose Luis Losada, destacou que iniciativas coma esta servirán para “cambiar os hábitos” tanto dos nenos como dos adultos, para actuar dun xeito máis responsable nos espazos públicos. O programa de Educación Vial comezará a impartirse nos centros de primria do municipio despois das vacacións do Entroido.