O Concello de Redondela deberá elixir entre estes catro candidatos a quen se lle dedica o ano 2014. Unha distinción que ten a súa orixe dous anos atrás e que permitiu aos veciños coñecer máis a fondo a vida e obra de Casto Sampedro e Alejandro Otero, persoeiros distinguidos nos anos 2012 e 2013 respectivamente. Unha comisión integrada por representantes de todos os partidos políticos será a encargada de elixir de entre estes catro nomes, ao persoeiro deste ano.
As propostas chegan dende colectivos diferentes. Así a asociación Alén Nós recupera a figura de Ernestina Otero (1890-1956), a quen xa propuxo o ano pasado, como personaxe a quen renderlle homenaxe no 2014. Mestra e pedagoga, esta redondelá foi unha das primeiras mulleres en obter o título na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio en Madrid, chegando a presidir o Consello Provincial de Primeiro Ensino de Pontevedra e colaborando activamente co Seminario de Estudos Galego. Participou tamén activamente en diferentes iniciativas de carácter político asinando en 1933 o manifesto dos intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía. Uns compromisos que lle reportarían moitas represalias, sendo separada da cátedra na Guerra Civil e obrigada ao traslado forzoso no Franquismo.
Pola súa banda a Fundación Filomena Rivero propón a Rita Otero (1902-1956), esposa do industrial José Regojo como Persoeira do ano 2014. Unha muller de quen destacan a súa “valentía, xenerosidade e audacia” que non dubidou en axudar “a todo aquel que o necesitara sen ter en conta a súa ideoloxía” dedicando a súa vida aos máis necesitados con visitas frecuentes aos presos políticos encarcerados en San Simón. Apuntan ademais dende este colectivo o oportuno de dedicarlle este ano no que se conmemora o 85 aniversario do establecemento da empresa Regojo en Redondela xa que foi precisamente Rita Otero quen convenceu a José Regojo para que se establecera no noso municipio, unha decisión que transformaría o que era unha vila mariñeira e agrícola nunha vila industrial.
Unha terceira proposta chega dende o Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN) quen destacan ao deportista Juan José López Rodríguez, falecido hai 50 anos (2 xullo de 1964) nun accidente de moto. Destacan dende o Seren que López Rodríguez foi un atleta de “impresionantes condicións físicas” que chegou a ser preseleccionado para os Xogos Olímpicos de Tokio participando ademais en diferentes competicións internacionais. Engaden que “os seus azos, a súa ilusión, o seu gran afán de superación e os seus importantísimos triunfos foron, en certo modo, o xermolo para a aparición da SAR (Sociedade Atlética Redondela) xurdida no ano 1963”.
Por último, a ANPA do colexio de Laredo en Chapela propón como persoeiro do ano ao que fora párroco de San Fausto, Ermelindo Enterríos falecido en outubro de 2012 con tan so 59 anos. Dende este colectivo salientan o traballo desenvolvido por este párroco ao longo de 27 anos ao fronte da parroquia “na que deixou unha profunda pegada pola súa implicación cos problemas sociais do barrios e a súa preocupación polo benestar dos veciños”.
Será agora unha Comisión de cultura, na que están presentes os diferentes partidos políticos presentes na Corporación, a encargada de elixir ao persoeiro do ano 2014.