Os populares sacaron adiante finalmente as súas contas para o 2014 e fixérono grazas á abstención do socialistas Luís Orge quen, rompendo a disciplina de voto do seu grupo, decidiu non votar en contra do documento económico presentado polo PP para garantir así, segundo explicou, que se constrúa o novo pavillón municipal orzamentado dentro do Plan Marisma Máis e incluído neste orzamento cunha partida 1.745.354 euros. Os socialistas estudarán agora se abren ou non expediente a Orge.
Logo de máis de hora e media de debate e cando parecía que os orzamentos ían ser rexeitados pola maioría da oposición saltaba a sorpresa á hora das votacións. Ao longo do pleno extraordinario que arrancaba ás 19:30 horas no Concello, tanto AER, como BNG e PSOE amosaron a súa disconformidade cunhas contas que cualificaron de antisociais, acusando ademais aos populares de recorrer á política do medo ao empregar no seu discurso o argumento de que de non aprobárense estes orzamentos non se poderían facer os tres investimentos recollidos dentro do Plan Marisma Máis: o novo pavillón de deportes na Marisma, o centro de día de Trasmañó e o paseo marítimo de Cesantes. De feito, a concelleira de Facenda, Ana Alonso, ía máis aló e aseguraba que a non aprobación desas contas suporía tamén que se perderían subvencións tales como os 10.000 euros que recibe Lenda, os 5.000 que se lle conceden a Cáritas ou as partidas que se destinan á organización do Millo Verde e o Festival internacional de Tïteres, entre outras. Uns argumentos que non convencían aos grupos da oposición que os cualificaban de chantaxe. Con todo, á hora da votación o socialista Luís Orge rompía a disciplina de voto e optaba pola abstención, permitindo así que se aprobasen os orzamentos. Orge explicaba a súa postura porque “logo de 12 anos ao fronte da SAR loitando por un novo pavillón non son capaz de impedir que por un voto non se faga ese edificio”. Agradecía aos seus compañeiros de partido que lle deran liberdade de voto e engadía que malia estar de acordo cos argumentos de AER, BNG e PSOE “voto en conciencia, aínda que non estea orgulloso do meu voto”. O voceiro do PSOE, Eduardo Reguera, aseguraba que a decisión de Orge fora tomada minutos antes do pleno “xa que en reunións mantidas polo partido para analizar os orzamentos decidiuse que o voto sería en contra”. Agora os socialistas estudarán se abren ou non expediente ao seu compañeiro de partido.