Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A oposición fala de chantaxe e o goberno de responsabilidade

RR_Noticias

A abstención do socialista Luis Orge permitía onte aprobar o orzamento do PP. Con todo, antes de que o socialista rompera a disciplina de voto do seu grupo todo apuntaba a que os orzamentos non ían saír adiante xa que durante todo o debate, que se prolongou durante máis de hora e media, a oposición anunciou o seu voto en contra das contas presentadas polos populares mentres a Concelleira de Economía Ana Alonso, insistía na necesidade de aprobalas para garantir investimentos e subvencións.

Ao longo do pleno extraordinario que arrancaba ás 19:30 horas no Concello, tanto AER, como BNG e PSOE amosaron a súa disconformidade cunhas contas que cualificaron de antisociais, acusando ademais aos populares de recorrer á política do medo ao empregar no seu discurso o argumento de que de non aprobárense estes orzamentos non se poderían facer os tres investimentos recollidos dentro do plan Marisma Máis: o novo pavillón de deportes, o centro de día de Trasmañó e o paseo marítimo de Cesantes. De feito, a concelleira de facenda, Ana Alonso, ía máis aló e aseguraba que a non aprobación desas contas suporía tamén que se perderían subvencións tales como os 10.000 euros que recibe Lenda, os 5.000 que se lle conceden a Cáritas ou as partidas que se destinan á organización do Millo Verde e o Festival internacional de Tïteres. Uns argumentos que non convencían aos grupos da oposición que os cualificaban de chantaxe e acusaban ao PP de culpabilizar ao resto dos grupos da súa falta de xestión en anos anteriores. Neste sentido o edil de AER, Alfonso Blanco Pochi criticaba que non tiveran presentado os orzamentos aos grupos políticos con anterioridade “para que dera tempo a estudalos e facer as achegas que consideraramos oportunas” e criticaba tamén que se recortase a partida destinada aos orzamentos participativos.  Na súa intervención manifestaba tamén as súas dúbidas respecto dos investimentos previsto no Plan Marisma Mais Cecilia Pérez Orge dende o BNG criticaba que as partidas que en anos anteriores se destinaron a Servizos Sociais, emprego e ensino quedaran sen gastar e afeáballe ao PP que empregara ´”o discurso do medo” para tentar obter o voto favorable da oposición. Os socialistas insistían na mesma idea e recriminábanlle ao PP que nos tres anos que levan no goberno aínda non foran quen de facer nada do proxectado no Marisma Máis. Malia a contundencia amosada polo voceiro socialista, non todos os concelleiros do seu grupo estaban tan convencidos como se puido comprobar no momento das votacións. Saltaba a sorpresa cando o socialista Luís Orge rompía a disciplina de voto e optaba pola abstención, permitindo así un empate entre os 10 concelleiros do PP que votaron a favor e os que optaban por votar en contra PSOE (7), BNG (2) e AER (1), un empate que rompía o voto de calidade do alcalde e que permitía que se aprobasen os orzamentos.    

Ana Alonso edil de Economía
A concelleira explica as consecuencias para o Plan Marisma de non aprobarse o orzamento
Perda de axudas
Asegura que asociacións e clubs quedarían sen subvención
Alfonso Blanco AER
Criticaba a falta de negociación e a reducción nos orzamentos participativos
Criticas aos investimentos previstos
Amosa a súa disconformidade con algúns dos proxectos contemplados no orzamento
Cecilia Pérez BNG
Crítica as políticas en servizos sociais
Discurso do medo
Asegura que habería formas de non perder as subvencións aínda que non se aprobaran os orzamentos
Eduardo Reguera PSOE
Amosaba a oposición do seu grupo ao orzamento
Luis Orge PSOE
Explica o motivo de romper a disciplina de voto

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará