Os nacionalistas entenden que “o alcalde, Javier Bas, non está facendo valer o peso específico de Redondela ante a Xunta” xa que logo de dous anos dende que rematara a obra este centro continúa coas portas pechadas. Unha vez mais reclaman a apertura do Centro e critican que a Consellería de traballo teña posto en marcha instalacións semellantes noutras localidades mentres se esquece de Redondela.
O grupo municipal do BNG explica que nos últimos meses a Consellaría de Traballo, dirixida por Beatriz Mato, puxo en marcha ou asinou convenios de construcción en concellos como Sada (400.000€), Leiro (1 millón de € para a construcción de Centro de Día), Muíños, Cualedro, Montederramo (cun investimento de 2,3 millóns de euros para construcción de Centros de Día en cada un dos concellos) , Laracha (inversión de 1,7 millóns de euros e xa foi inaugurado), Cerceda (inversión de 2,3 millóns de €) ou Lousame ( 700.000€), mentres en Redondela o edificio construído en Cesantes segue sen abrir as súas portas logo de dous anos dende que se concluíse a obra.
Os nacionalistas acusan ao goberno da Xunta de seguir “criterios claramente electoralistas” á hora de poñer en marcha estes Centros de día nalgunhas localidades mentres manteñen pechado o de Cesantes malia existir “unha importante demanda social arredor da súa apertura posto que numerosos usuarios e familias vense afectados”.