Un curso impartido en catro módulos repartidos nos meses de marzo, abril e maio e que se celebrará os sábados pola tarde de 16:30 a 20:30h. A temática centrarase nas bases para unha horta familiar biolóxica, as súas posibilidades e os beneficios que presentan.
Tocaranse aspectos tales como a ubicación e deseño da horta, compostaxe, abonos verdes, plantas medicinais, prevención e control de pragas, etc. As datas de celebración son o 8 e 22 de marzo, o 12 de abril e máis o 10 de maio.
O primeiro dos obradoiros será o sábado 8 de marzo e no mesmo achegarase aos asistentes aos principios básicos da agricultura eco/bio-lóxica para pasar a cuestións prácticas como o emprazamento e deseño da horta.
Tódolos obradoiros terán un elevado carácter práctico e realizaranse na Sociedade de Agricultores do Viso (antiga escola de Tuimil)e nunha horta contigua de 478 m2. As prazas son limitadas polo que se precisa dunha inscrición previa no teléfono 699.993.885.