O xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, que na xornada de onte se reunía coa concelleira Teresa París comprometeu melloras nas cubertas dos CEIP da Iglesia e Laredo en Chapela e destacou que xa se están a realizar traballos no colexio de Santo Paio por valor de 45.000 euros que inclúen o cambio da fontanería e a construcción dun aseo para o profesorado.
A Xefatura Territorial de Cultura e Educación de Pontevedra concretou as obras a executar este ano nos colexios de Infantil e Primaria de Redondela con cargo aos orzamentos propios deste departamento, durante unha reunión mantida polo xefe territorial, César Pérez Ares, e a concelleira do ramo, Teresa Pais.
Os traballos centraranse en melloras diversas, aínda que a principal estará centrada no CEIP Santo Paio de Abaixo, onde se vai cambiar toda a fontanería e se executará un aseo para profesores. Estas obras, que acaban de comezar, teñen un orzamento de 45.000 euros, e permitirán o cambio da fontanería do centro que contaba cunha antigüidade de 50 anos, o que facía que se atoparan obsoletas e danadas.
Tamén trasladou Pérez Ares á concelleira de Educación de Redondela que nos próximos días visitarán os CEIP da Iglesia-Chapela e de Laredo os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial co obxectivo de levar a cabo un estudo pormenorizado da situación das cubertas de ambos centros. “O concello comprometeuse a realizar melloras nestes tellados e queremos comprobar a súa situación”, engadiu o xefe territorial.
César Pérez quixo así agradecer ao grupo de Goberno local a súa colaboración para a mellora e mantemento dos centros. “Sen a colaboración entre institucións é moi complicado poder atallar todas as necesidades dos nosos colexios”, concluíu, recordando que o concello tamén se comprometeu a realizar as reformas necesarias nas escolas unitarias do municipio durante o presente ano.