Os redondeláns conseguiron tres puntos moi importantes para non perder opcións cos postos nobres da categoría. Malia que o Arosa logrou xerar moito perigo e ocasións, un espectacular Cortegoso impediulles anotar en Santa Mariña. Un único gol de Caroi deulle o triunfo aos de Jacobo Montes. Vitoria tamén para os equipos da Segunda Autonómica.
Terceira División
Choco 1-0 Arosa
Na primeira metade os de Jacobo Montes, que pasaron moitos apuros defensivos pola velocidade de Quique Cubas, dispuxeron dunha boa ocasión de Yerai, que chegou ós dominios de Jorge Pérez pero cruzou o seu remate en exceso. Sería a única opción local antes do descanso mentres que os visitantes probaron con frecuencia a Cortegoso, pero o gardameta local respondeu con seguridade a tódalas acometidas dos visitantes. A segunda metade seguiu o mesmo guión que a primeira e Eloy tivo a mellor ocasión dos visitantes aos seis minutos da reanudación. Nun man a man, atopou a un extraordinario Cortegoso, que rexeitou ó esférico. Só tres minutos despois, o Choco desequilibrou o encontro no que parecía un centro de Caloi, pero que se converteu nun disparo a portería e rematou no fondo da rede visitante. Cun tanto de vantaxe, o Choco tratou de aguantar o resultado ante un Arosa que continuou a levar perigo e foi Quique Cubas o que tivo nos seus pés o empate a catro minutos para o final do enfrontamento. Cortegoso gañou de novo a partida no man a man, e os puntos quedaron na casa. O Choco segue na sétima posición a catro puntos da zona de promoción de ascenso, que marca o Cerceda. Na próxima xornada visitan o campo do Bertamiráns, equipo da metade baixa da táboa.
Segunda Autonómica
Lavadores 0-4 Choco B
O filial do Choco escala ata a cuarta praza do grupo logo de golear ao Lavadores a domicilio, ao que non dou opcións en ningún momento. Na próxima xornada o Choco B recibe ao Teis, que está tres postos por baixo dos redondeláns.
Arcade 2-0 Pontecaldelas
O Arcade é 12º logo de impoñerse ao Pontecaldelas. Isra e Hugo fixeron os goles para os locais nunha segunda metade na que o Arcade foi mellor. Na próxima xornada desprázanse ao campo do C.Pontevedra, co que están moi igualados.
Amanecer 1-3 Soutomaior.
O Soutomaior deu a sorpresa en San Vicente ao impoñerse ao Amanecer con dous goles de Lito e un de King. O resultado déixaos na 11ª praza do grupo, e a próxima xornada reciben ao Figueirido, 4º clasificado.
Terceira Autonómica
Cesantes 3-1 Moaña B
O Cesantes demostrou a súa superioridade sobre os do Morrazo, cun resultado contundente que lles permite manterse no ecuador da clasificación. A próxima xornada descansan.
At.Vilar 0-2 Coruxo B
O equipo redondelán non foi quen de superar ao filial do Coruxo, que demostrou a súa superiodade en Vilar. Os redondeláns son agora 9º, a próxima fin de semana xogan no campo do Mosende, unha posición por riba do Vilar.
Moledo 2-2 Chapela
Reparto de puntos entre o Chapela e o Moledo, O empate permítelle aos redondeláns volver aos postos de cabeza, onde ata cinco equipos están nun apertado pano de dous puntos. O Chapela é 4º con 47 puntos, un menos que os dous equipos que lideran a clasificación: Vincios e Alcabre. A próxima fin de semana reciben ao Balaídos, da metade baixa da táboa.
Oliveira 0-1 Nespereira
Logo da xornada de descanso da pasada xornada o Nespereira impúxose pola mínima a domicilio no campo do Oliveira. Os de Pazos son 5º, na próxima xornada reciben ao Tebra, 3º do grupo.
Futbol Sala- Terceira División
Bueu 5-6 Pazos de Borbén
Os de Pazos consolídanse como un dos equipos máis fortes do grupo logo de gañar o sábado a outro rival de entidade, o Bueu, ao que adiantan xa na táboa clasificatoria. Nun encontro moi disputado no Pablo Herbello, os de Marcelo levaron os puntos cun acustado marcador. Agora, desde a 6ª praza, preparan o próximo encontro en Pazos. Será o sábado diante do Carballiño, o seu inmediato perseguidor.
Natación- Proba de control de marcas
O Club Náutico de Redondela organizou na piscina municipal a proba de control de marcas para participar nos campionatos autonómicos e estatais. Entre os éxitos locais destacan os primeiros postos de Elías Costas en 50 bolboreta e Luis Leiro en 100 braza, e os segundos postos de Héctor Cabaleiro en 200 costas e Francisco Álvarez en 50 bolboreta.