Con 14 puntos en xogo ata que remate a liga da División de Honra Prata, os de Fran Teixeira seguen con opcións de evitar a fase de ascenso. Logo da importante vitoria da pasada semana sobre o Pozoblanco, este sábado mídense ao Teucro. O obxectivo é sacar algo positivo nun partido no que contarán co apoio dos seus seareiros, que se desprazarán a Pontevedra para o derbi.
O Chapela logrou a pasada fin de semana unha vitoria imprescindible para o obxectivo de evitar a promoción de descenso a Primeira Nacional, xa que se impuxo ao Pozoblanco. Agora o equipo cordobés, que é o que marca a salvación, está tres puntos por riba dos de Fran Teixeira. O técnico do Chapela está convencido de que “loitarán ata o final” nunha liga que está a ser “moi competitiva” para acadar o obxectivo da permanencia. Quedan sete xornadas e o adestrador confía no traballo semanal dos seus xogadores para ir avanzando “partido a partido”. A súa próxima meta é o derbi co Teucro, o sábado ás 20.00 horas no Pavillón Municipal de Pontevedra. Os de Javier Barrios son un rival complicado, que segue na loita pola fase de ascenso, e que a pasada xornada perdeu por un gol co Benidorm, segundo na táboa. Os redondeláns, malia xogar fóra, agradecen que sexa un desprazamento curto, xa que deste xeito o técnico poderá contar con todos os seus efectivos. De seguro que contarán tamén co apoio dos seus seguidores, que se desprazarán á cidade do Lérez para arroupar ó equipo de Chapela neste transcendental choque.