O concelleiro de interior, Arturo González recoñece a existencia de erros importantes na toponimia local tal e como ven denunciando o colectivo Alén Nós. Aseguran estar a traballar para corrixir a situación actual aínda que engaden que se trata “dun proceso lento” xa que o obxectivo é contar coa colaboración dos veciños para que o novo cambio de direccións e nomes en rúas e barrios cause os menores prexuízos posibles.
González lembra que moitos veciños xa tiveron que cambiar as súas direccións postais no ano 2011 cando se realizou un cambio nos nomes das rúas, o que fai que moitos veciños sexan reticentes a novos cambios. Por ese motivo, segundo asegurou o edil, están a traballar dende o goberno local de cara a sensibilizar os veciños para que máis alá dos inconvintes que lles poida supoñer o cambio no enderezo e na toponimia e vexan a necesidade de por en valor os nomes de lugar.