A Policía Nacional ten en marcha unha investigación para intentar identificar aos lexítimos propietarios do material recuperado na madrugada do pasado martes en Redondela logo da detención de cinco individuos de nacionalidade romanesa que viaxaban nun Opel Astra que foi localizado na Praza da Farola. Dúas das vítimas xa foron identificadas.
A investigación de cara a identificar aos propietarios das xoias intervidas na madrugada do pasado martes dentro dun operativo conxunto de Policía Local e Nacional están xa en marcha. De feito foron xa localizadas dúas das vítimas dos presuntos roubos que están xa a realizar as xestións precisas de cara a recuperar as súas pertenzas.
Os feitos producíronse na Praza da Farola o pasado martes cando a Policía Local detiña a cinco persoas de nacionalidade romanesa cando viaxaban nun Opel Astra cunha maleta e varias bolsas con obxectos de valor no seu interior como moedas antigas, vaixelas de prata, numerosas xoias, así como botellas de whisky de diferentes marcas cun alto valor no mercado, puros e perfumes de marcas de prestixio.
Os detidos, todos varóns de idades comprendidas entre os 47 e os 18 anos, non foron quen de explicar a procedencia do material polo que se procedeu a súa detención e posterior traslado a dependencias da Policía Nacional en Vigo. Estímase que o valor dos obxectos recuperados poderían superar os 40.000 euros.
Agora estanse a investigar os roubos con forza cometidos en Vigo ou Redondela que puideran ter vinculación con estas detencións. Malia que xa se identificaron diversos efectos solicítase a colaboración cidadá para tentar localizar aos lexítimos propietarios dos obxectos aínda pendente.