A Asociación Cultural Froles Mareliñas anima aos maiores da parroquia a achegarse ás súas instalacións en horario de mañá onde poderán socializar con outros veciños ademais de participar de actividades variadas relacionadas coa saúde e o deporte impartidas por monitores profesionais. Esta é tan só unha das actividades que organiza esta asociación que celebra este sábado un serán popular.
O presidente de Asociación Modesto González, Tito, salienta o importante de que os maiores saian da casa, interactúen con outros veciños e participen de actividades culturais e deportivas de cara a mellorar o seu estado de saúde físico e mental. Por este motivo, e de cara a promover un envellecemento activo, organizan diferentes actividades en horario de mañá destinadas principalmente a aquelas persoas de maior idade que contan así cun espazo no que socializarse con outros maiores ademais de realizar actividades diversas impartidas por monitores profesionais. Unhas actividades que se desenvolven nas instalacións do colectivo, na nave amarela situada na antiga estación de Renfe de Chapela. Un local que este sábado a partir das dez da noite acollerá a celebración do VI serán Froles Mareliñas. Unha festa popular aberta a todo o queira achegarse mañá a partir das 22:00 horas na que non faltará a música, o baile, os sorteos, a comida e a bebida. Ao finalizarse servirase chocolate a todos os asistentes.