O equipo redondelán, despois de ascender a pasada tempada á Terceira División, segue con opcións de meterse nos catro postos que dan opción a un posible ascenso de categoría a falta de tan só sete xornadas para o remate desta tempada. Os de Jacobo Montes impuxeron a súa superioridade en Bertamiráns onde gañaron por 1-2. Unha xornada na que tamén colleitaron vitorias o Choco B e o Chapela.
Terceira División
Bertamiráns 1-2 Choco
O Choco suma e segue, cos tres puntos gañados na tarde de onte, ante outro dos recentemente ascendidos, que está a facer un bo papel neste curso, como é o Bertamirans de Javi Touriño e converténdose no único conxunto que conseguiu a vitoria de entre os sete primeiros clasificados. Os de Jacobo Montes non deixaron pasar a súa oportunidade de poñerse a tiro de Play-off, nesta ocasión o Choco foi quen de amortizar as súas ocasións para adiantarse no marcador. Primeiro Manu Lojo e despois Yeray adiantaban aos de Jacobo Montes, aínda que os locatarios non se deron por vencidos e dispuxeron nos últimos compases do encontro de ocasións para recortar distancias e no minuto 72 Gustavo puña o 1-2 no marcador, que xa non se movería até o final do encontro. A primeira parte foi moi táctica e sen ocasións aínda que o partido tiña ritmo. Co paso dos minutos, con todo, o Choco foi impondo o seu xogo directo. O Bertamiráns innovou no seu esquema de xogo pero non obtivo os froitos desexados. O cadro de Jacobo Montes, consciente de que o conxunto local apostaba polo xogo polo centro, buscou a velocidade para sorprender ao rival. E obtivo o seu premio. Na sétima posición o Choco está a dous puntos das prazas de Play-off. Na próxima xornada recibe en Santa Mariña ao Laracha, da metade baixa da táboa.
Segunda Autonómica
Choco B 2-1 Teis
O filial do Choco remontou na segunda metade o gol de Brais de cabeza que puxera por diante aos vigueses. Cuarta posición así para o Choco que se afianza como un dos equipos máis fortes do grupo. Na próxima xornada desprázanse ao campo do Gondomar, 6º da táboa.
C.Pontevedra 2-1 Arcade
O Arcade baixa unha posición, é 13º logo da derrota co C.Pontevedra nun partido moi igualados. Na próxima xornada recibe ao líder, o Campolameiro, intratable nesta liga.
Soutomaior 1-2 Figueirido
O Soutomaior baixa un posto, ata a 12ª praza do grupo, logo da derrota diante do Figueirido, un dos equipos máis fortes da táboa. Na próxima xornada volve xogar na casa, recibe ao Vilanova, dous postos por baixo do Soutomaior.
Terceira Autonómica
Cesantes -descansou. Na próxima xornada xoga no campo do U.Sampaio, o líder do grupo.
Mosende 5-3 At.Vilar
O equipo redondelán mantén o 9º posto malia o duro castigo infrinxido polo Mosende, que goleou aos redondeláns e amplía as distancias. Na próxima xornada o Vilar recibe ao líder, o Alcabre.
Chapela 2-0 Balaídos
O Chapela xa é 3º con 50 puntos, os mesmos que ten o 2º, o Pereiró, e tan só un menos que o líder, o Alcabre. A vitoria sobre o Balaídos permítelles seguir na loita polo ascenso.
Nespereira 1-2 Tebra
Os de Pazos manteñen a 5ª praza malia a derrota diante do Tebra. Na próxima xornada xogarán no campo do Barciademera, da metade baixa da táboa.
Futbol Sala- Terceira División
Pazos de Borbén 5-3 Carballiño
Os de Pazos manteñen a 6ª praza do grupo logo da vitoria sobre o Carballiño, ao que deixan máis afastado da parte alta da clasificación. Os de Marcelo foron moi superiores ao rival, e a próxima xornada terán xornada de descanso. A liga volve o 5 de abril, cando reciban en Pazos ao Troula, un posto por baixo dos locais.