As oficinas de correos de toda Galicia, entre elas a que se atopa na rúa Casto Sampedro en Redondela e no Camiño Oliveira en Chapela participan durante toda esta semana dunha campaña de recollida de alimentos en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Do 24 ao 29 de marzo as oficinas postais convértense así nun canal para a solidariedade nas que todos os veciños que o desexen poderán facer as súas doazóns de comida.
Durante esta semana as 155 oficinas de correos de Galicia, entre elas as dúas de Redondela, convértense en puntos de recollida de alimentos infantís, conservas, legumes, aceite, pasta, arroz e calquera outro produto non perecedeiro.
Unha vez rematada a colecta, os equipos de Correos Solidariedade desenvolverán as tarefas de clasificación e recontos dos produtos que posteriormente serán distribuídos por Fesbal. Esta é a primeira vez que Correos ofrece a súa rede de oficinas para recoller alimentos, aínda que xa no pasado mes de novembro colaboraron na “Gran Recollida” na que 450 voluntarios de Correos Solidariedade contribuíron a recolles os 14 millóns de kilos de alimentos que se conseguiron en toda España.