A Federación amosa a súa satisfacción polo acordo plenario e estuda suspender o boicot que os levara a ausentarse destes órganos participativos por entender que estaban a ser manipulados. Deixaran de participar logo de que o Concello reorganizase o número de membros que lles correspondía a cada colectivo e que supuxo unha redución no número de representantes das Asociacións de Veciños a favor doutros colectivos sectoriais. A moción presentada pola Federación de Veciños foi aprobada cos votos a favor de PSOE, BNG e AER e a abstención dos populares.
O obxectivo da moción, segundo explicaban dende a Federación “é mellorar o funcionamento destes órganos e favorecer unha maior implicación da veciñanza na vida municipal”. Critican concretamente que nos últimos anos se teñan producido “estratexias de desgaste, obstrución e escurantismo por parte dos diferentes concelleiros coa intención de que os Consellos e Comisións non contraveñan a folla de ruta do goberno de quenda”. Aseguran que se teñen posto en marcha medida de cara a atrancar a participación dos veciños “ninguneando as súas propostas ou obstruíndo o acceso a información dos representantes veciñais”. Entenden que ante esta situación é necesario introducir unha serie de cambios nos regulamentos dos Consellos Parroquiais e reclaman, entre outras cuestións, que se lle recoñezan as Asociación de Veciños “a”lexítima representatividade como defensoras do interese xeral sen menoscabo doutras entidades sectoriais como asociación de cultura, montes, muller, mocidades, medio ambiente ou outras”. No debate da moción os nacionalistas tamén puñan o acento na necesidade de que sexan as Asociación de Veciños os colectivos sobre os que pilote o proceso de creación dos Consellos por seren estas asociacións, en palabras de Cecilia Pérez Orge, “as máis importantes para que estes órganos debatan asuntos cruciais para as parroquias”. O socialista Eduardo Reguera criticaba o mal funcionamento dos Consellos debido a que na súa constitución “o PP obviou as diferentes singularidades das parroquiais” o que nalgúns casos supuxo que incluso as Asociacións deixaran de participar nos mesmos. Dende AER amosaban o seu apoio a proposta da Federación mentres o PP optaba pola abstención. O popular Álvarez Ballesteros aseguraba que dende a súa chegada ao goberno “buscaron a maior participación posible nestes Consellos parroquiais”. Malia defender a adopción daquelas medidas que sexan necesarias encamiñadas a mellorar o funcionamentos destes organismos, o seu grupo optou por non apoiar a proposta da Federación. A moción aprobada onte establece o inicio dun proceso de revisión do regulamento precedido dunhas xornadas de debate abertos a todos os colectivos sociais e a veciñanza onde se elabore un informe no que se recollan as eivas e incumprimentos e se propoña a súa corrección. Apunta tamén a creación dunha comisión mixta “de control” que será a encargada de “garantir que as propostas sexan recollidas”. A Federación estuda agora suspender o boicot que os levou a ausentarse dos consellos parroquiais como protesta por entender que estes órganos estaban a ser manipulados Símbolos do Concello Menos debate provocou a aprobación dos novos símbolos do concello. A proposta da Concellería de cultura encamiñada a regularizar o escudo e a bandeira municipal foi encargada ao Seminario de Estudos Redondeláns (SEREN) e contempla o cambio do fondo do escudo actual que pasaría a ser de cor azul mentres que a bandeira consistirá nun pano de cor granate inserindo o escudo no centro. O obxectivo destes cambios é adaptar os símbolos existentes ás esixencias da Comisión heráldica da Xunta de Galicia.