Lamentan o que cualifican de “ausencias clamorosas” na mostra que estes días se puido visitar no Multiusos da Xunqueira. Apuntan en concreto a falta de referencias ás mestras republicanas Ernestina Otero ou Antonia Rodríguez así como a ausencia de información sobre a Asociación Xanela “primeira asociación feminista de Redondela”.
Anova Redondela dirixe as súas críticas cara a concelleira da Muller, Teresa París por non ter corrixido “algunhas das eivas detectadas na exposición e que xa foran criticadas no ano 2012”. Aplauden que se fagan este tipo de mostras encamiñadas a visibilizar o papel das mulleres “que ben de xeito individual ben colectivamente deixaron a súa pegada na construción da nosa historia” pero critican o que cualifican de “ausencias clamorosas”.
Lamentan que non haxa un panel para Ernestina Otero, unha ausencia que cualifican de “lapsus intencionado por parte do PP redondelán”. Engaden que non é Ernestina Otero a única ausente, tamén faltan “Antonia Rodríguez e todas as mestras republicanas que souberon agasallar con literatura e liberdade a moitas e moitos redondeláns nos escuros anos do fascismo”. Tampouco aparece na mostra a asociación Xanela “primeira asociación feminista de Redondela que, entre outras moitas iniciativas, impulsou a creación da oficina da muller, hoxe municipal”.
Pola contra, engaden “si aparecen na súa exposición Fraga e Mariano Rajoy e Corina Porro e a Sección Femenina e Sofía de Habsburgo e textos que describen as mulleres felices e realizadas porque atopan o seu príncipe azul”.