Co obxectivo de dar maior visibilidade a este trastorno dende Redondela hai diferentes iniciativas. Os docentes e pais dun neno de 5 anos que ten autismo, Seso Durán e Olga Lalín, veñen de presentar un novo capítulo do proxecto audiovisual “A Canción de Manuel” e a Asociación Andaina convida aos veciños a colocar globos azuis nos edificios.
Hoxe celébrase o Día Mundial de Concienciación do Autismo. Unha complexa síndrome que segundo as estimación afecta a un de cada 150 nenos, malia que o diagnóstico está en un de cada 5.000, polo difícil que resulta detectar un trastorno que aglutina múltiples características e que se presenta en distintos niveis de afectación. “O oito” é o título do terceiro capítulo da Canción de Manuel, un proxecto audiovisual de dous pais de Redondela Seso Durán e Olga Lalín, unha canción e un vídeo que se poden atopar na páxina web www.afrontandoelautismoconsensibilidad.wordpress.com dedicada a todas as familias que reciben un diagnóstico do Trastorno do Espectro do Autismo, que intentan desmitificar crenzas no camiño de trasladar á sociedade que as persoas con este trastorno “comunícanse, senten, queren, prefiren, gozan e aprenden”. Por outra banda, a Asociación Andaina de nenas e nenos con necesidades especiais de Redondela convida a todos os veciños a participar nunha iniciativa coa que se pretende dar maior visibilidade a este trastorno: a colocación de globos azuis nas nosas casa, colexios ou centros de traballo durante este día.