O levantamento dun muro na praia de Cesantes por parte de Costas derivou estes días nun cruzamento de críticas entre o partido socialista e o goberno local. Mentres os primeiros demandan que se acometan unha serie de actuacións orientadas a resolver as deficiencias na praia aparecidas logo dos temporais do inverno, o PP critica aos socialistas por non ter actuado “para evitar a degradación do areal” cando formaban parte do goberno.
As demandas do PSOE pasan porque se arranxen os danos causados polos temporais deste inverno. Solicitan entre outras cousas que se repoña unha torre de vixilancia e que se acometa o arranxo dos valados de madeira deteriorados nos últimos meses. Denunciaban que dende Costas, no canto de arranxar estes problemas, se tentase construir un muro en plena praia “realizando un pequeno recheo nun dos puntos onde máis traballa o mar, nas proximidades da caseta da Virxe do Carme”. Engadían os socialistas que esta obra foi paralizada pola acción veciñal e insistían no pouco axeitado da idea que pasaba por construír un muro nunha zona onte “a area está a gañar terreo á terra firme polo que non parece o máis axeitado poñerlle obstáculo ao mar”.
Unha críticas que xa tiveron contestación por parte do goberno local. O PP arremete contra os socialistas asegurando que o recheo criticado polo PSOE “foi realizado durante a etapa de Xaime Rei para a colocación dun banco e unhas xardineiras dentro do Plan Marisma”. Aseguran ademais que “nos oito anos de goberno nada se fixo para evitar a degradación que sofre todo o areal de Cesantes dende o peirao ata a Punta da praia cunha perda de area máis que notable”.