Aseguran os socialistas que o goberno municipal traslada a tódolos cidadáns a suba do custo en contra do que aprobou o pleno municipal. Acusan ao alcalde de “non mostrar unha posición combativa e asumir as directrices da Xunta cos cartos de todos os redondeláns”. Reclámanlle que se sume ás medidas tomadas por outros rexedores galegos entre as que se inclúe reclamar un reparto equitativo do canon entre todas as partes implicadas.
A finais de 2013, Sogama anunciou un incremento da contía do canon unitario de residuos ao Concello de Redondela para o 2014. Este incremento ven dado porque o goberno central puxo fin o copago eléctrico e, deste xeito, Sogama perdeu unha parte dos seus ingresos.
O grupo municipal socialista presentou unha moción o pasado mes de outubro na que reclamaba á Xunta “asumir o custo total do incremento do canon unitario que Sogama pretende aplicar ó concello de Redondela”. Esta moción foi aprobada pola corporación redondelá, pero, o alcalde de Redondela, “lonxe tratar de aplicala non moveu nin un dedo porque se cumpra”.
Aseguran que en lugar de facer as xestións oportunas, os orzamentos para o 2014 inclúen a modificación dunha partida na que xa se asume o incremento do custo do canon de Sogama. É dicir, o alcalde “lonxe de mostrar unha posición combativa, asume as directrices da Xunta cos cartos de tódolos redondeláns e dá as costas aos veciños para responder aos intereses do PP. Engaden que con esta actitude “Javier Bas reitera o seu desprezo polas mocións aprobadas polo pleno”.
Dende o grupo socialista de Redondela reclámanlle que se una ás medidas tomadas por outros rexedores galegos como son reclamar un reparto equitativo do canon entre todas as partes implicadas e a presentación dun recurso contencioso-administrativo contra a medida.