A Agrupación de Electores solicita que se elabore un plan estrutural programado que estableza prioridades nas actuacións para a mellora dos camiños e estradas das diferentes parroquias. O obxectivo é establecer unha serie de criterios á hora de valorar que obras teñen prioridade e evitar “o marcado carácter electoralista que teñen moitas desas intervencións, que a maioría das veces acométense debido a presións de todo tipo”.
Entende AER que se deben primar aquelas actuación que faciliten a mobilidade intra e interparroquial e que se deberían priorizar aquelas vías que conten co consentimento dos veciños.
Por este motivo solicitan ao pleno do concello que se realice un plan xeral de arranxo de camiños e vías interiores das parroquias, nos que se priorice, como condición indispensable para a intervención, o establecemento dos retranqueos necesarios e o establecemento de beirarrúas ou zonas de tránsito cun ancho seguro para os peóns, cando ditas vías sexan usadas por automóbiles. Apuntan tamén que se debería dar máxima prioridade a aquelas vías que deixen espazo para carrís bici ou uso exclusivo de vehículos sen motor.