Unha cinta de carácter social do director Alex Montoya recibiu o premio á mellor curtametraxe de entre as 16 que participaron na X edición do Redondela en curto. “Sé verlas al revés” recibiu o premio da sección Curtamobil na que participaron películas gravadas con teléfono móbil ou tablet. O premio Andaina foi concedido á película de Javier Espinosa “El amor a los veinte años”.
Catro días de festival que reuniron, sobre todo na fin de semana, a un importante número de espectadores que se achegaron ao Multiusos para gozar das 16 películas preseleccionadas pola organización do certame. Unha décima edición que presentaba como novidade salientable o feito de que foi o público cos seus votos o que decidiu que os 1.500 euros do premio foran para o título “El tío”, unha curtametraxe de carácter social que superou en número de votos a outras curtas que partían como favoritas como Sequence ou 2:43. Dende a organización Fernando Carreira Cuchi agradeceu especialmente aos veciños doutras localidades que nestes días se achegaron á vila para gozar do cine. Pola contra lamenta que sega a ser unha das contas pendentes animar aos propios veciños da vila a achegarse ao certame que dedicou de xeito especial ao seu pai, presente na sesión de clausura. Dende a Concellería de Cultura Julio Alonso salientou o traballo existente detrás da organización do evento, dende o visionado das 700 película recibidas pasando pola elaboración do programa e a posta en marcha das diferentes actividades que contaron nesta edición tamén coa música, a cargo da Banda de Música de Chapela e o grupo Jazzmarryed, que amenizaba os minutos previos a cada pase no Multiusos.