Demandan a desafección de todo o litoral da enseada e o traslado das fábricas situadas no litoral a polígonos industriais e reclaman tamén o saneamento integral da ría e acabar cos problemas de contaminación e vertidos. Unhas demandas que trasladaron recentemente á candidata do BNG ao parlamento europeo Ana Miranda nunha xuntanza celebrada en Redondela.
O goberno autonómico aprobaba o pasado mes de marzo o plan director da Rede Natura que afecta a 400.000 hectáreas de terreo repartidas por 215 concellos de toda Galicia e que segundo a Xunta “busca garantir a máxima protección e o desenvolvemento dos cidadáns que viven nas zonas afectadas”, entre elas todo o litoral da enseada de San Simón. Un compromiso que diferentes formación políticas e asociacións ecoloxistas aseguran que non cumpre xa que incluso denuncian que en dito plan se rebaixe a porcentaxe de espazos protexidos “que no caso de Galicia non pasa do 12% do seu territorio por debaixo da media europea do 18% e moi por debaixo da media estatal onde a superficie protexida no seu conxunto xa vai polo 27%” Por este motivo, dende a Plataforma solicitan unha xuntanza cos responsables autonómicos para analizar polo miúdo o documento e analizar en que medida afecta ao noso litoral Outra das demandas da Plataforma é a desafección de todo o litoral da enseada dependente da Autoridade Portuaria de Vigo e o traslado progresivo das fábricas situados no litoral a polígonos industriais.