Este sábado remata a competición na División de Honra Prata e os de Fran Teixeira despídena en Chapela diante dos vigueses. Os redondeláns terán que xogar a promoción para evitar o descenso, independentemente do resultado desta fin de semana, pero prometen un partido emocionante diante dun dos equipos situados no ecuador da clasificación.
Na última xornada son moitos os equipos que teñen algo en xogo, ben a pelexa por entrar na promoción de ascenso, ou a loita pola permanencia. Para evitar especulacións sobre os resultados todos os encontros se xogarán o sábado ás 19.00 horas. Tamén o derbi entre os de Chapela e os vigueses. O Octavio xa está practicamente fóra do grupo de candidatos para o tren cara a liga Asobal. Son novenos, e logo da derrota da pasada xornada diante do Barakaldo o conxunto vigués xa non depende de si mesmo. Os de Fran Teixeira, no 14º posto da táboa, pelexarán na promoción para evitar o descenso sexa cal for o resultado do sábado. O equipo promete un encontro emocionante diante da súa afección, para agradecerlle así o apoio amosado ao longo desta dura temporada. A promoción xogarase os días 23, 24 e 25 de maio, pero a sede non se coñecerá ata a próxima semana.