O presidente da Xunta Xestora do club eloxia o traballo do adestrador, referendado polos excelentes resultados do equipo. Crespo recoñece que a Montes lle poden chegar ofertas doutros equipos grazas á boa campaña co Choco, polo que a directiva xa manexa “un plan B”. Sen querer revelar quen sería o posible substituto no banco de Santa Mariña, ofrece algunha pista ao advertir que seguirán apostando por xente “da casa”.
O Choco rematou a temporada na sexta posición da Terceira División, un resultado que superou todas as expectativas e co que non contaba “nin o máis optimista” dos afeccionados. Crespo amosa a súa satisfacción polo resultado, que atribúe ao traballo “ben feito” por parte de todos. Implica no proceso tanto corpo técnico como xogadores, o apoio da afección o traballo da directiva empeñada en facer un proxecto “redondelán”, coa implicación da cidadanía e xente “da casa”. Agora teñen que poñerse a traballar na próxima temporada coa incerteza do futuro dalgúns xogadores, como Yerai, logo dos rumores que o vinculan a próxima temporada ao Pontevedra, aínda que non hai nada firme. Outros, como Pablo Couñago ou Caloi xa están definitivamente fóra do club, logo de fichar polo Honka, de Finlandia. O presidente asume que terán que contar con reforzos, e niso traballan, pero advirte que “non farán tolemias” que prexudiquen á situación económica do club. En canto ó adestrador, Jacobo Montes, recoñecen que é “normal” que lle saian pretendentes logo desta excepcional temporada, na que foi elixido mellor adestrador da categoría. Con todo, no club farán “todo o posible” para que siga no Choco, xa que é a súa primeira opción. De non ser así xa terían designado a un substituto, aínda que rexeitan desvelar o seu nome, polo de agora. O que si confirma Crespo e que seguirán “na mesma liña” coa aposta por xente “próxima ao club”. Será nos primeiros días de xuño cando se tome a decisión en función do futuro de Montes. Agora outra das preocupacións da directiva é o estado do Campo Municipal de Santa Mariña, que continúa coas obras de reforma. Os traballos obrigáronlles a comezar a pasada liga xogando como locais en Soutomaior, e a carecer dunha grada onde acubillar ao público que asiste aos partidos. Agora os están na recta final, e confían en que estean rematados para o mes de xullo, cando comeza a pretenporada.