O concelleiro de Medio Ambiente tranquiliza aos veciños de Chapela e insiste en que a calidade da auga da praia de Arealonga “é apta para o baño”. Recoñece que no ano pasado foi necesaria colocar a bandeira vermella nalgunha ocasión por vertidos puntuais que chegaron á praia a través dos dous ríos que desembocan no areal. Por outra banda salienta a promoción turística que para o noso concello supón contar cunha bandeira azul en Cesantes “cunha calidade excelente nas súas augas”.
Ante a sorpresa causada pola distinción de bandeira azul á praia da Punta en Cesantes o edil insiste en que a decisión está en mans da Adeac, un organismo independente encargado de valorar qué praias merecen esta distinción e cales non. Asegura que os seus técnicos cando se achegaron a Redondela amosaron a súa sorpresa de que este distintivo non se tivera solicitado con anterioridade “atendendo ás características do areal e tendo en conta que cumpre todos os requisitos necesarios para obtelo: ter unha calidade de auga excelente, contar con socorristas no verán e contar con baños públicos”. O edil entende que este distintivo servirá para atraer un maior número de turistas e supón un reto de cara ao futuro para mellorar e poder así manter esa bandeira en vindeiros anos. En canto á situación da praia de Chapela, que segundo un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente elaborado con datos de 2012 e 2013 presenta unha mala calidade das augas, o edil tranquiliza aos veciños e insiste “neste momento a auga é apta para o baño”. Explica que o motivo de que nalgunhas ocasións a calidade da auga fora insuficiente debeuse a vertidos puntuais que incluso obrigaron o ano pasado a colocar a bandeira vermella no areal. Precisamente par evitar que esta situación se repita teñen previsto realizar obras en Pasán eliminar os vertidos que agora acaban nos ríos Pumariño e Maceiras que desembocan na praia.