PSOE e AER solicitan a comparecencia do alcalde para que dea explicacións no vindeiro pleno municipal sobre o contido dunha conversa telefónica feita pública días atrás e enmarcada dentro da “Operación Multiusos” na que o rexedor de O Porriño, Nelson Santos instaba a Javier Bas a contratar á empresa de electricidade Radio Pérez. Os socialistas, que non descartan pedir “outras responsabilidades” aseguran que dita empresa realizou traballos para o concello dous meses despois da “recomendación” de Santos.
O PSOE e a Agrupación de Electores solicitan a comparecencia de Javier Bas no vindeiro pleno para que dea “as oportunas explicacións” sobre unha conversa telefónica mantida co rexedor popular de O Porriño. En dita conversa, incluída no sumario da investigación aberta dentro da “Operación Multiusos” o alcalde porriñés suxírelle a Bas que contrate á empresa Radio Pérez, que efectúa normalmente distintas tarefas para o Concello do Porriño, como a colocación de iluminación para as festas.
Dende o PSOE aseguran que “dous meses despois de se producir dita conversa a empresa Radio Pérez foi a encargada da colocación das luces de Nadal”.
Por este motivo, ademais de solicitar a comparecencia do alcalde, solicitaron tamén por rexistro “as facturas dende o ano 2010 por concepto de iluminación de Nadal así como noutras festas organizadas dende o Concello”
Dende AER tamén insisten en que “ante a gravidade dos feitos” é necesario que o alcalde dea as oportunas explicacións e que proceda a aportar de inmediato aos grupos políticos da oposición toda a información referente ás contratacións realizadas coa empresa eléctrica mencionada nos audios rexistrados na susodita investigación”.