Anova Redondela convoca este mércores 11 de xuño ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira unha asemblea aberta para falar sobre as respostas e propostas que se poden ofrecer desde Redondela “ante a abdicación de Juan Carlos e a eminente imposición de Felipe”. Trátase dunha asemblea onde están convidadas organizacións de toda índole, persoas, colectivos, etc. co obxectivo de artellar unha acción conxunta sobre esta situación.
Entenden os convocantes que ante o novo intento de perpetuar un réxime político sen ningún tipo de apoio popular nin lexitimidade democrática, a “monarquía parlamentaria”, no que se pretende deixar sen voz ás nacións e cidadanía do estado español, cómpre artellar unha acción conxunta local das forzas políticas, asociacións e persoas que apostan pola Democracia.
Engaden que o momento histórico que estamos a vivir amosa a oportunidade real de despedir a monarquía e avanzar cara un marco político republicano en todas as ordes. Unha ruptura democrática que permita non so escoller entre democracia ou monarquía, senón iniciar o camiño dos procesos constituíntes das nacións do Estado. Ese proceso democrático terá que ser reflexo da demanda da cidadanía e debe conducirse dende a base da sociedade.
Anova Redondela apunta que malia seren eles os que convocan a asemblea este é simplemente o paso inicial e que o resto será traballo conxunto dos asistentes para “ser quen de responder ante este excepcional e á vez esperanzador escenario socio-político”.