Reclaman ao Concello de Redondela que habilite un aula de estudio durante a fin de semana nos períodos de exames como o actual, xa que actualmente só contan coa da Casa da Torre, que se fai insuficiente. Esta petición xa lle foi trasladada á concelleira Teresa Paris no último Consello Escolar Municipal.
A mocidade socialista lembra que na actualidade, os estudantes redondeláns contan con varios lugares para o estudo como a Biblioteca Municipal, que habitualmente está chea, un aula no centro da Terceira Idade e outra na Casa da Torre. Non obstante, na fin de semana a aula da Casa da Torre é a única que permanece aberta, o que resulta insuficiente. Advirten que este lugar completa o seu aforo ós poucos minutos de producirse a súa apertura, ás 13:00 horas, e presenta varias deficiencias. Denuncian que a instalación eléctrica non funciona e que resulta imposible utilizar dispositivos electrónicos como os ordenadores, móbiles ou trabletas que adoitan usar os estudantes. As Xuventudes Socialistas de Redondela demandan que o Concello “actúe” para que o numeroso alumnado do municipio poidan dispoñer dunha aula de estudo “en condicións” durante a fin de semana. Sinalan que a necesidade é maior na época de exames, no trimestre que vai de abril a xuño e no período entre novembro e xaneiro.